A Festa da Filloa de Lestedo, en Boqueixón, acolle en cada edición os atranques dos Xenerais da Ulla, pero este ano quixeron facer da cita un evento máis especial e terá lugar pola vila o I Gran desfile intermunicipal. Abandeirados, correos, xenerais e a tropa –que virá de Valga– escenificarán unha das tradicións máis arraigadas. Sairán ás 13.00 horas da vía a altura do cuartel da Garda Civil e percorrerán as rúas pola estrada xeral ata chegar ao campo da festa. A organización espera xuntar ata corenta xenerais. Logo, arredor das 13.30 horas, comezará o acto central, que será presentado por María Mera e terá como pregoiro a Juan Viaño, reitor da Universidade de Santiago de Compostela. Todo isto sen esquecer a degustación.
Actuarán tamén os grupos Estralampo e Loaira da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio.